quinta-feira, 2 de novembro de 2006

Acumular forzas pola Autodeterminación

Manifesto
Acumular forzas pola Autodeterminación

O proceso de reaxustamento interno da democracia borbónica está a entrar na sua fase definitoria. Case tres décadas de liberdades tuteladas, monarquía imposta polo franquismo e ratificada na Constituición de 78, neoliberalismo en ascenso e tentativa de rexionalización das identidades non españolas serviron para afianzar o Estado contra as disidencias populares, mais non remataron a tarefa. É a vez de as elites actualmente gobernantes daren o toque final con mais un barniz de modernización á medida das burocracias periféricas: esteio para o sistema autonómico e novos rexionalismos para todos: deixan que nos chamemos 'nación' porque vai ser en última instancia a soberanía española a sancionar o noso estatus. E quer con un termo, quer con outro, Madrid acouta de partida o terreno de xogo encanto as decisions estratéxicas, as que afectan ás maiorias traballadoras, seguen a pairar no espazo estratosférico onde o capitalismo xoga as suas cartas: lonxe da Galiza, lonxe dos parlamentos, modulando as conductas gobernamentais a base de cheques e chantaxes.

Zapatero en España e o tandem Touriño-Quintana na Galiza desenvolven atinadamente o seu papel: o proceso de reformas autonómicas terá éxito se for aplicado sobre movimentos populares desarticulados, con a esquerda "capitalista" coptada polos orzamentos do Estado e os espazos do circo mediático vendidos a prezo de saldo; se a población asistir sedada ao choque virtual con a extrema-direita, no canto de observar criticamente a realidade que piora. Encanto os incautos pensan que a valentía dos demócratas gobernantes nos protexe da agresividade dos ultras, o retroceso popular non pára na Galiza: catástrofe ambiental, deterioro laboral, desfeita urbanística e predación da costa, ritualización do idioma, ausencia de debate público e masivo sobre as grandes cuestións en que se dirime o futuro colectivo. Para alguns, a ambigüidade e fraqueza gobernamentais alimentan involuntariamente estas e outras calamidades; para outros, que vamos sendo maioria, a inacción gobernamental é fruto da complicidade deliberada de quen só aspira a blindar as suas prebendas, asegurando o apoio dos que mandan de verdade: os capitalistas.

Na nosa historia recente, a reivindicación soberanista e a oposición frontal a todo estatutismo actuou de catalizador das mais significativas luitas populares. A autodeterminación situada como horizonte irrenunciábel levaba aparellada a auto-organización como requisito cotidiano para edificar un País que non precisaba de subsidios, políticos profesionais nen favores mediáticos. Quen hoxe nos reunimos nesta praza non o facemos por acreditarmos nas virtudes das efemérides ou das contra-efemérides; facémolo con o intuito de labrar un espazo autodeterminista que atinxa ese conxunto de proxectos populares, políticos ou sociais, que bolen pola Galiza adiante, agrandando o seu potencial e pulando pola sua activación en chaves de soberanía nacional e contra a fraude das reformas. Sería preciso que as galegas e os galegos que non nos contentamos con as faragullas de Madrid estivésemos á altura dos nosos inimigos: se eles preparan con esmero a liquidación definitiva da nosa causa nacional e a deserción dos movimentos do escenario do combate, cumpriría que nós deseñásemos con rigor unha intervención sustentada, multiplicadora e coesionadora de aqueles sectores que non se venden. O consenso de todos os que mandan -xa sen máscaras de nengún tipo- por relegar a nación á dependéncia e os traballadores aos ditados neoliberais, debe de ser contestado con a maior das amplitudes e a maior das contundencias. Erguer un potente movimento de masas baixo os eixos descritos pode erosionar o autonomismo e facernos dar pasos significativos para a autodeterminación do futuro.

Galiza, 2 de Novembro de 2006