sexta-feira, 16 de junho de 2006

Bases Democráticas Galegas convocan Dia da Pátria

Temos por diante un novo 25 de Xullo, que este ano se conmemora baixo unhas condicións políticas especiais.

Para as BDG, a reforma do Estatuto é, novamente, a maneira que teñen desde o aparello do Estado e os seus representantes en Galiza de furtar o lexítimo dereito dun pobo a decidir o seu destino, quer dicir, a exercer o dereito a autodeterminación, para alén das discusións nominalistas sobre se Estatuto de Nación si ou non.

As BDG consideramos que Galiza, como nación, ten o dereito democrático á autodeterminación e que hoxe, este dereito, non é tomado en consideración polas forzas que están a negociar a reforma do actual Estatuto de Autonomía. Un estatuto de autonomía é un resultado tan lexítimo como outro cualquer nun proceso de autodeterminación, mais a autodeterminación sempre vai antes.

O dereito de autodeterminación, como a defensa da lingua, non pode submeterse aos intereses partidistas. Por iso, as Bases Democráticas Galegas, como movemento social, como espazo suprapartidario do soberanismo de esquerda de Galiza, decidimos convocar neste 25 de Xullo unha manifestación, ás 13 h. en Compostela, polo Dereito de Autodeterminación sob a lexenda "Estatutos non. Autodeterminación", que desexamos que poida ser apoiada por un amplo e plural abano das forzas políticas, sindicais e sociais que defendemos a liberdade do noso país.

Galiza,16 de Xuño de 2006.