
Roberto Laxe, membro da Coordinadora Estatal da Corrente Vermella
Teñen  razón os que defenden a necesidade de debater a situación de Galiza no
Estado  español, e na súa derivación, na Unión Europea. Os anos de Aznar
significaron  a ruptura do consenso da Transición, baseado nun acordo, máis
ou menos ben  asumido, entre a burguesía española e as periféricas. A
monarquía xogaba o  papel de bonaparte por riba das “mesquiñas” disputas
entre os  burgueses.
Aznar rachou o acordo coa ofensiva sobre Euskadi, as ameazas de  que “a
democracia tamén se defende cos tanques” (Mayor Oreja dixti), o  relegamento
de Cataluña a un segundo plano en beneficio dos sectores máis  reaccionarios
de Valencia e mesmo da capital (plano Hidrolóxico), e o  desprezo máis
absoluto con Galiza, exemplificado na actuación na crise do  Prestige.
Ese foi un dos motivos centrais da crise do PP e a súa derrota  eleitoral o
14M; o outro foi a tremenda mobilización obreira e popular. Un  sector da
burguesía española, apoiada nas burguesías periféricas, illaron ao  PP e aos
burgueses que representa, e preferiron botar a Aznar para evitar  males
maiores. E loxicamente, o debate estaba na mesa. Derrotado o goberno  máis
centralista dos anos da restauración monárquica, qué proxecto teñen  para
artellar o que se deu en chamar España?
A  REFORMA DOS ESTATUTOS.-
Coa reforma dos estatutos pretenden disolver o  verdadeiro problema: a
cuestión nacional no Estado español.
Para as  burguesías é máis que evidente co fundo da cuestión é a defensa da
legalidade  monárquica institucionalizada na transición. Como din a súa
propaganda, os 30  anos de monarquía foron, e son, os mellores anos de
“España”, sobre a base  dun empobrecemento da poboacion traballadora, hoxe un
mozo gaña menos que un  mozo hai dez anos, e ten menos dereitos laborais. Ao
longo destes anos, a  burguesía española, periférica ou non, atopou por fin o
seu lugar no mundo,  irmán pequeno dos grandes imperialismos, dos EEUU, da
Alemaña, da  Francia.
As  multinacionais españolas, teñan sede en Barcelona, Bilbao, Madrid ou
Galiza,  corren polo mundo como se foran ianquis. Repsol YPF, Augas de
Barcelona, Gas  Natural, Telefónica, Calvo, Zara, BBVA, Endesa, Iberdrola,
etc., etc., son,  hoxe, o símbolo da España remodelada coa monarquía. E, como
se foran a súa  sombra, os exércitos españois están presentes en medio mundo,
dende  Afganistán ate Haiti, na defensa dos intereses “patrios”. Aquí hai
unidade, é  o mesmo unha empresa galega en Venezuela ou Arxentina, que unha
española ou  catalana, o obxectivo é o de extraer o máximo beneficio da
explotación dos  traballadores alí onde se atopen.
Pero as  burguesías non son só as grandes multinacionais. Unha burguesía é
unha rede  de accionistas, familiares, subcontratas, pequenos e medianos
empresarios,  executivos, etc., que teñen os seus intereses ligados, por unha
banda as  mesmas multinacionais, e, por outra, ao propio mercado interno.
As  pelexas que hoxe atravesan a reforma dos estatutos son, precisamente,  as
pelexas entre estes sectores por facerse co mellor cacho da torta do  mercado
interno. Porque non se pode esquecer nunca que a parte do leon da  plusvalía
que extraen tanto as multinacionais como a pequena e mediana  burguesía veñen
da explotación dos traballadores do Estado Español. O PIB  español depende,
como calquera outro estado imperialista, nunha porcentaxe  moi importante da
inversión no estranxeiro, pero o groso do mesmo, o 75%,  prodúcese dentro das
fronteiras, senón non tería sentido mantelas.
E, trala  derrota do PP, cuxo proxecto era o de favorecer os capitais
instalados no  centro, en Madrid, as burguesías periféricas piden o seu
cacho, que toma a  forma do debate pola reforma dos estatutos. Por iso é
importante o debate dos  Estatutos, é a maneira de artellar o reparto da
plusvalía xenerada polos  traballadores. Por iso, as declaracións dos Méndez
Romeu, dos Vázquez, etc.,  son, dende o punto de vista burgués, mediocres e
timoratos: son a vella  aposta, xa derrotada, do fraguismo, a falacia de nós
non entramos nos grandes  debates, e esperamos a ver quen subvenciona as
nosas falcatruadas (Cidades da  Cultura, onde están enterrados literalmente
340 millóns de euros; e logo  falan da crise da sanidade!).
DE QUE  DEBATEN.-
A reforma do Estatuto, e a definición do marco no que se move a  sociedade é
importante. Claro que o é. Se ningún sector social da Galiza se  recoñecese
como nación, non tería ningún sentido defender o dereito  a
autodeterminación.
Pero o feito de ratificarse como nación non resolve o  problema: non é unha
cuestión de autoafirmación, senón de loita de  clases.
O estado  unitario, a definición de España como “una, grande e libre”, é un
berro cun  profundo contido económico e político, é unha defensa do seu, do
seu papel de  “quen parte e reparte leva a mellor parte”. Así, cando o
Príncipe de Asturias  fala da defensa da unidade e a Constitución, fala da
defensa da súa  institución, a monarquía, cuxa existencia está ligada a esa
unidade e a esa  constitución. Como di o outro, defende o “seu posto de
traballo”, e  defendéndoo, protexe os “postos de traballo” e os beneficios de
moitos coma  el, que unha república federal mandaría ao paro.
Cando  Esperanza Aguirre di que Endesa non se pode ir ao estranxeiro, é
dicir, non a  pode comprar Gas Natural, defende os seus intereses como
administración que  depende de que Endesa siga realizando os seus beneficios
en Madrid, froito da  explotación dos traballadores galegos e españois (o 6%
da enerxía eléctrica  española prodúcese na Central Térmica das Pontes de
García Rodríguez), dos  traballadores de América Latina, etc. Para Esperanza
Aguirre o que non se  pode ir ao estranxeiro son os beneficios, non a
explotación dos  traballadores, eso xa está no “estranxeiro”.
Neste  confronto atópanse dúas frontes, unha, o do PP e os sectores  máis
españolistas do PSOE, os dependentes do aparello do estado herdeiro  do
franquismo, coa institución monárquica ao fronte, os militares e  a
xudicatura, dous, as burguesías “periféricas”, a socialdemocracia,  as
direccións sindicais, que, dentro da estabilidade, queren reordenar  o
estado, cara a evitar males maiores.
A loita  contra o PP ten o significado de rematar cos herdeiros directos  do
franquismo, coa extrema dereita que nunca deixou de controlar os resortes  do
estado, pois a súa fronte atópase a monarquía. E contra ela, a reforma  dos
estatutos non son máis que intentos timoratos, condenados por si mesmos  a
frustrar novamente as aspiracións dos pobos do estado. Fronte á dureza e  á
firmeza da dereita, opónselles as tímidas mensaxes dos Zapateros  e
Llamazares, que defenden a institución fundamental, a  monarquía.
Preocúpalles máis a estabilidade burguesa que respostar as  esixencias dos
pobos.
O CAMIÑO  DA AUTOTERMINACIÓN E O SOCIALISMO.-
A burguesía galega, cuxo proxecto –que o  ten- non vai máis aló da
renegociación do Estatuto co estado central,  demostrou historicamente o seu
carácter reaccionario. A súa incapacidade para  encabezar o reto do
desenvolvemento dun país condenado polo estado  centralista ao atraso deixa,
sen lugar a dúbidas este reto nas mans doutros  actores sociais.
A burguesía galega só quere ser parte da renegociación do  diñeiro que pon en
cuestión a estructura do estado centralista: se 128 mil  traballadores
galegos pagan o seu IRPF en Madrid, para a burguesía galega o  problema no é
a recuperación intengra dese diñeiro, senón a negociación da  cota que o
Estado devolve. Se o 30% da actividade non mar se produce en  Galiza, a
burguesía galega acepta de bon grao que só o 3% volve en  investimentos no
Instituto Social da Mariña. A burguesía galega confórmase  con coller un
pouco do cacho que o poder central lle dá.
Así, O  recente, e fracasado, intento por parte dun sector burgués galego  de
recuperar unha empresa, que ten os seus centros productivos na Galiza,  pero
a súa cabeza en Madrid, pero que foi galega, Unión Fenosa, demostrou  ás
claras o seu verdadeiro carácter.
Nin foron capaces de imporse ao  capital español (BSCH e ACS), e afrontaron a
batalla coa derrota na mente:  para eles España non ía oporse á compra,
porque eles son “españois”. Pero a  realidade demostroulles que español só é
aquel que ten a súa sede en Madrid  ou arredores, os demais, como din
Esperanza Aguirre, son “estranxeiros”, e a  burguesía española non podía
permitir que a enerxía estea controlada por  “estranxeiros”, Iberdrola no
País Vasco, Gas Natural e a opa contra Endesa, e  Unión Fenosa en Galiza. Eso
non podía ser, e non foi.
Por iso,  a reforma no estatuto, aínda que comece con declaracións xenéricas
sobre o  carácter de nación da Galiza, non vai afrontar os problemas centrais
do pobo  traballador galego, a precariedade, os baixos salarios, a
emigración, e  explotación dos recursos naturais sen ningún investimento dos
lucros xerados,  a drenaxe do aforro galego para fora, a falta de
reinvestimento, a drenase do  aforro galego para fóra, o desinvestimento nos
servizos (transporte publico,  sanidade,...), etc. Non pode afrontalos,
porque isto suporía rachar coa  monarquía centralista, e avanzar cara unha
república federal, baseada no  recoñecemento do dereito á autodeterminación.
Avanzar  neste camiño, é dicir, un reordenamento da Galiza baseado na
prohibición por  lei da precariedade, a suba dos salarios ata chegar á media
española, o  reinvestimento dos lucros xerados polos traballadores galegos  no
desenvolvemento das infraestructuras e servizos, etc., supón rachar  coa
división do traballo imposto polo capital español e galego, rematar co  papel
dependente e subsidiado da sociedade galega.
E o  plano do goberno bipartito non é ese. Para un sector do bipartito, o
PSdG, o  máximo está en mellorar as condicións nas que se produce man de obra
cara á  emigración, por iso o esforzo nos orzamentos no I+D, e o escaso apoio
que lle  deu á tentativa de comprar Unión Fenosa, non por quen a domine,
senón porque  a súa marcha significou a desaparición de 800 postos de
traballo directos (as  declaracións de Touriño, “confiando” na boa vontade de
Gas Natural ou de  Florentino Pérez para con Galiza é a vella historia do
subvencionado); para o  BNG é o de presionar para que as “subvencións” sexan
mellores: van votar os  orzamentos estatais porque lle dan 30 millóns de
euros máis do  previsto.
O plano  do bipartito é integrar Galiza nos novos eidos da política española,
mantendo  a estabilidade burguesa. Pero a resolución dos problemas do pobo
traballador  non teñen nada que ver coas contas de resultados dos
capitalistas, nin coas  súas relacións de forza.
O pobo  traballador ten que ser independente das liortas nas que se meten
cara á  resolución das súas contradiccións. A dependencia de Galiza do Estado
inflúe  dunha maneira directa nas condicións de vida dos traballadores, da
mocidade,  a condena a elixir entre a precariedade ou a emigración; pero a
saída non  esta no seu illamento do conxunto da poboacion  traballadora
española.
O estado  español, namentres exista unido, é o inimigo fundamental ao que
oporse.  Levantar a política do dereito a autodeterminacion, é dicir, da
resolución da  cuestión nacional co recoñecemento da soberanía dos pobos, vai
ligado a loita  contra o réxime que as burguesías, tanto a española como as
periféricas, se  deron e seguen defendendo, a monarquía “juancarlista”; e esa
loita esixe a  maior unidade dos traballadores do Estado.
É máis.  Nas circunstancias actuais, nas que o 60% da lexislación española
depende da  Unión Europea, e que politicamente a implicación do estado no
conxunto da UE  supón a ligazón da estabilidade burguesa do conxunto da
Unión, o camiño da  soberanía nacional galega só é posible facelo da man dos
traballadores  españois e europeos.
A  denuncia da reforma do estatuto galego baséase na esixencia da resolución
da  “vella” cuestión nacional do estado español e a esixencia dunha
verdadeira  solución do conflicto social que se atopa no fundo. A reforma do
estatuto non  vai dar resposta nin a un nin a outro.