quarta-feira, 8 de fevereiro de 2006

A autodeterminación un direito irrenunciábel


Bráulio Amaro Caamaño. Coordenador das Bases Democráticas Galegas

A Autodeterminación é o proceso político polo cal o conxunto dun Pobo decide, con plena potestade e sen calesquera inxerencias externas, o seu destino: a súa relación co resto de nacións, o seu modelo político e económico, o papel da súa lingua e cultura. Galiza é un Pobo, unha comunidade humana dotada de acusados trazos que a singularizan, é unha nación, colectivo en permanente construción e desexo constatado de ser e de plasmar a súa existencia en institucións propias.
O noso País non conseguiu aínda, por múltiplas razóns, chegar a ese mínimo indispensábel para toda nación que é a libre decisión do seu futuro. O mesmo marco institucional que tentou e tenta negar a súa existencia -ou, nalgún dos casos, desvirtuala até a deformación-, facéndoa un apéndice peculiar de España, negouse e négase en rotundo ao recoñecemento dun marco galego de decisión que poida cuestionar unha suposta patria única que veu dada por guerras e conquistas e se sitúa por cima de persoas e direitos.
Por moito que unha insistente campaña mediática nos faga asociar a Autodeterminación cunha proposta anacrónica e fóra de lugar no mundo do século XXI, son os seus fanáticos detractores quen se sitúan fóra da historia, os que non lembran os novos Estados nacidos nos inicios do século XX, como Noruega, Irlanda ou Finlandia, as descolonizacións da segunda metade da centuria, como a arxelina, ou o novo mapa das nacións surxido a inicios da década dos 90 na Europa Central e Oriental ou mesmo o caso de Timor Lorosae, por no falar de Quebec. Acaso non se aplicou o direito de autodeterminación no caso da extinta URSS?, que si recoñecía este direito na súa constitución.
Curiosamente a coerencia política desta defensa do direito de autodeterminación levou a incluír este direito na Constitución da URSS, sendo "exercitado" este na década dos 90 despois do desastre da "perestroika" de Gorvachov, Ieltsin e demais colegas, iso si esta vez co aplauso, beneplácito e admiración das potencias imperialistas occidentais, que así consumaban por "vía democrática" a desaparición e o esnaquizamento da URSS e a criación de numerosas e pequenas repúblicas que pouco a pouco irían caendo as mans do imperialismo, de formas máis ou menos dramáticas. Eis aí un exemplo nidio da nova orde mundial, aínda que en realidade sexa a mesma e vella orde imperial.
Semella que o proceso de autodeterminación na Europa rematou cando os intereses imperialistas franco-alemáns-ianquis foron satisfeitos ( antiga URSS, Iugoslavia, Croacia, Kosovo, Chequia, Eslovaquia,......) e que as diversas nacións sen estado actuais non poden exercer o seu lexítimo direito á autodeterminación.

Quen quere esmagar pobos e nacións con todas as ferramentas ao seu alcance parece esquecer que estas se resisten, e que a súa vitalidade dá lugar a novos Estados xurdidos da vontade maioritaria da súa poboación. O feito é aínda máis grave: din estar co mundo de hoxe -o inxusto e invivíbel mundo de hoxe-, mais descoñecen tamén aqueles logros que costosamente as persoas e colectivos oprimidos conseguiron introducir na lexislación e en distintos tratados internacionais.
Son os defensores a ultranza do cadro xurídico-político español quen están fora da Historia e ben lonxe dos aires de progreso que aínda corren nalgunhas partes do mundo grazas aos esforzos denodados de tantos e tantas por non ceder direitos esenciais. Son eles, os mesmos que desde os seus potentes altofalantes demonizan e ameazan a quen, sen outra ambición que facer valer o que é xusto, din alto e claro que a Autodeterminación é posíbel e, como todo direito básico, irrenunciábel.
Iniciativas como as que estamos a suscitar as denominadas "BASES DEMOCRÁTICAS GALEGAS"(www.basesdemocraticasgalegas.org) resultan máis que nunca necesarias para poder defender de xeito decidido un direito democrático fundamental como é o directo de autodeterminación.